A CMT ve boa evolución de prezos na telefonía móbil mentres que as ofertas de banda larga non evolucionan

mércores, 4 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) analizou os prezos dos servizos de comunicacións en España, concluíndo que o prezo das chamadas dende o móbil están a unha media de 16,9 céntimos/minuto (moi lonxe dos prezos anunciados nalgunhas ofertas pero que supón unha baixada dun 7,3% en 2006), resultado positivo que non se repite no mercado da banda larga, onde a CMT non pode máis que criticar que temos unhas conexións un 25% máis caras que no resto de Europa.
O presidente da CMT, Reinaldo Rodríguez, denunciou que “non se viron grandes modificacións nos prezos dende 2005” aínda que xustificou a situación debido ós grandes investimento que teñen que facer as operadoras de telecomunicacións.
No tocante ás velocidades, o informe elaborado pola Comisión pon de manifesto que o 63% das conexións de ADSL se realizan a velocidades de 1 Mbps ou inferiores, mentres que só un 3,6% accede á velocidade de 20 Mbps.
O informe tamén indica que Galicia rexistra a peor taxa de penetración da banda larga en España con só 6,6 liñas por cada 100 habitantes, fronte as 11,7 de media estatal e as 16,7 que se rexistran en comunidades coma Madrid e Cataluña.

PUBLICIDADE