A CMT racionaliza o negocio das SMS Premium

luns, 2 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Unha resolución da Comisión do Mercado das Telecomuniacións (CMT) obriga ás grandes operadoras (Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo e Euskaltel) a modificar a relación que manteñen cos provedores de servizos de valor engadido, ou sexa, ás empresas que proporcionan os contidos ou os servizos que utilizan as mensaxes de texto Premium (coma concursos, cancións para o móbil, xogos…) pois ata o momento as operadoras facíanse co 50% dos ingresos dun negocio que move uns 500 millóns de euros ao ano.
Tras unha queixa presentada por Alterna Project en maio de 2008 na que denunciaban a imposibilidade de negociar a comisión das operadoras polas SMS Premium, aceptando a CMT que o custo maiorista sería arbitrario, e forzando ás operadoras a fixar un novo prezo polos mesmos nos que teñan en conta os custos reais nos que incorren as compañías ao emprestar as súas redes, que non podería superar ao custo dunha mensaxe de texto normal (uns 15 céntimos), o que é unha cantidade moi inferior ao que cobran actualmente as compañías de telefonía móbil.
Aínda que o ditame da CMT só afecta a Alterna, o resto de compañías que fan uso das SMS Premium poderían reclamar as mesmas condicións, polo que podemos dar por rematada a situación actual na que as compañías de telecomunicacións tiñan uns ingresos desproporcionados polas mensaxes de texto de tarificación adicional.

PUBLICIDADE