A IARC clasifica a telefonía móbil como un posible carcinóxeno

martes, 31 de maio do 2011 Marcus Fernández

Cando aínda non nos tiñamos recuperado da crise sanitaria ao redor dos cogombros españois, chega a Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC) e publica unha nota de prensa (que podemos descargar en formato PDF) na que asegura que clasificou os campos electromagnéticos de radiofrecuencia como un posible carcinóxeno para humanos (dentro do grupo 2B) baseándose nun incremento do risco de desenvolver gliomas asociado co uso de teléfonos móbiles.
Pero esta comunicación da OMS parece estar a ser mal interpretada, pois antes de concluír que a OMS considera perigoso o uso da telefonía móbil habería que precisar que a IARC clasifica os axentes carcinóxenos no grupo 1, os axentes que probablemente son carcinóxenos no grupo 2A, e no grupo 2B sitúa os produtos dos que só existe a posibilidade de que produzan cancro, ou sexa, que o que non é posible de desbotar tal posibilidade, sendo preciso realizar máis estudos para chegar a conclusións solventes, ou sexa, que quedamos igual que estabamos, polo que os efectos do uso da telefonía móbil no desenvolvemento de cancro seguen a ser unha incógnita.
Son así precisos moitos outros estudos a longo prazo para determinar se o uso dos móbiles pode ser prexudicial, aínda que os consellos de non empregar durante moito tempo os móbiles ou de procurar afastar os terminais da cabeza serían unhas precaucións que moitos son libres de tomar de temer prexuízos a longo prazo.

PUBLICIDADE