53 novos concellos galegos adheriranse á Rede CeMit este ano

xoves, 9 de decembro do 2010 Raquel Noya

Ata un total de 53 concellos das catro provincias galegas van formalizar a súa adhesión á Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMit) antes de que acabe o ano, para, segundo as previsións da Xunta, iniciar a súa actividade a comezos do 2011.
A intención do goberno galego é “promover o uso das novas tecnoloxías por parte de tódolos galegos e galegas” (especialmente nos colectivos e nas zonas onde a fenda dixital é máis evidente) para o cal dispón de preto dun millón de euros a investir nestas aulas públicas de acceso a Internet.
Dos 53 municipios que se adherirán á rede este ano, 47 están situados no medio rural e só os seis restantes teñen máis de 20.000 habitantes.
Estas aulas tecnolóxicas contarán con cadanseu “axente TIC”, que será a persoa encargada do bo funcionamento de tódalas actividades que se leven a cabo nelas, os cales recibirán formación continua, segundo afirman dende a Xunta, “encamiñada a lograr a súa capacitación social e tecnolóxica para consolidarse como elementos dinamizadores das novas tecnoloxías”.
Asemade, as aulas de Rede disporán dun Plan de Alfabetización Dixital que engloba aos colectivos galegos onde a fenda dixital é máis evidente, tales como desempregados, maiores, inmigrantes, mulleres, persoas con discapacidade, menores e poboación rural en xeral.
Por outra banda, ademais de fomentar o uso das TIC entre os devanditos grupos poboacionais, esta Rede tamén fomentará a formación dixital entre os profesionais galegos, e mostraralle ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información, sen deixar de difundir os servizos da Administración electrónica e de capacitar á cidadanía galega para empregalos.
En canto á infraestrutura tecnolóxica da nova Rede, informan dende o Executivo que “terá un papel preponderante o software libre, permitindo deste xeito que a formación da cidadanía en tecnoloxías da información sexa fundamentalmente en ferramentas de código aberto”.
Os Concellos que nesta primeira volta se adherirán á Rede CeMit son: Ames, Sada, As Pontes, Porto do Son, Camariñas, Cerceda, Mugardos, San Sadurniño, Corcubión, Vilasantar, Santiago, Ribeira, Boiro, Betanzos, Padrón, Arzúa, Ares e Fisterra, da provincia da Coruña.
Da provincia de Pontevedra, integraranse na Rede CeMIT os concellos de Moaña, Porriño, Poio, Tomiño, Vilanova de Arousa, A Guarda, Valga, Cuntis, Campo Lameiro, Vigo, Ponteareas e Lalín
En Ourense asinarán o protocolo de adhesión os concellos de Ribadavia, Boborás, Castrelo de Miño, Leiro, Xunqueira de Ambía, Sarreaus, A Bola, Beariz, Manzaneda, Vilar de Santos, Verín, Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Allariz e Castro Caldelas.
E por último, dende Lugo incorporaranse á Rede os Concellos de Lugo, Ribadeo, Burela, Carballedo, O Vicedo, Riotorto e Sarria.

PUBLICIDADE