2,9 millóns de euros de sanción a Telefónica Móviles polo redondeo na Comunidade de Madrid

venres, 28 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A presidenta da Comunidade de Madrid anunciando as medidas contra Telefónica Móviles

A Comunidade de Madrid impuxo este xoves a Telefónica Móviles unha sanción de 2,9 millóns de euros por unha infracción moi grave por mor do redondeo á alza durante 2005, en aplicación da Lei de Protección dos Consumidores da Comunidade de Madrid.
A Comunidade abriu un expediente de oficio o pasado ano a varias operadoras de telecomunicacións, e este mes se ven as consecuencias do mesmo, pois a primeiros de mes tamén se deu a coñecer unha sanción semellante a Vodafone (esta por valor de 1,4 millóns de euros).
A práctica sancionada a Telefónica Móviles era o cobro do primeiro minuto completo a tódolos clientes, así como a facturación en tramos de 30 segundos para os minutos seguintes, polo que os consumidores estarían a pagar por servizos non prestados.
As operadoras afectadas aínda poderán presentar un recurso ante o Consello de Goberno da Comunidade de Madrid, así como acudir a tribunais de xustiza.
A asociación FACUA-Consumidores en Acción amosou a súa satisfacción pola sanción imposta a Telefónica Móviles na Comunidade de Madrid polas prácticas de redondeo (que denunciara en 2003 ante a Administración madrileña) pero considerou que a contía da multa é insignificante, pois sosteñen que as operadoras ingresaron milleiros de millóns de euros en concepto de redondeo nos últimos anos.

PUBLICIDADE