1 millón de consolas poderían ter sido baneadas de Xbox LIVE

xoves, 12 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A primeiros de mes comentamos que Microsoft estaba a tomar medidas contra a piratería nas consolas Xbox 360 modificadas, de xeito que está a vetar a súa conexión ao servizo de Xbox LIVE, coma vén sendo habitual cando hai algún lanzamento importante, coma é o caso de Call of Duty: Modern Warfare 2, de xeito que nun principio parecía que milleiros de usuarios estaban a ser afectados por esta nova vaga de baneos, pero agora un estudio sostén que o número de afectados sería moito maior da agardada, chegando a un millón de consolas bloqueadas, de xeito que estes equipos quedarán vetados de por vida en Xbox LIVE, verán eliminada a opción de instalar xogos no seu disco duro e incluso quedarán sen a garantía da consola.
Actualmente hai 20 millóns de usuarios activos en Xbox LIVE, polo que esta medida sería moi imporante, aínda que Microsoft non deu datos oficiais sobre a mesma. Outras estimacións cifran en 600.000 o número de consolas baneadas, o que continúa a ser unha cantidade significativa, pois estamos a falar de casos de usuarios que pagan polo seu acceso á plataforma de xogo en rede de Microsoft, de aí que tamén sorprenda que utilizasen xogos piratas nas súas partidas en liña, pois o risco de detección en tal situación sempre foi moi elevado.

PUBLICIDADE