uStream quere converterse no YouTube dos vídeos en directo

venres, 18 de maio do 2007 Marcus Fernández

Compartir vídeos na Rede era unha tarefa complexa que se popularizou grazas a servizos coma YouTube, pero se algo había moito máis complicado era a difusión de vídeo en directo mediante streaming, polo que a aparición de uStream.tv podería converterse nun novo éxito na Internet xa que permite que calquera que teña unha cámara web poida emitir en directo para todo o mundo, podendo tamén integrar as súas emisións en calquera web (como se fai cos vídeos de YouTube).
O sistema de uStream tanto pode gravar emisións en directo (como fai YouTube dende hai uns meses) ata emitir en vivo, e precisamente para este último obxectivo os responsables da web están á busca de 10 lifecasters, ou sexa, 10 persoas que queiran compartir a súa vida a través das súas cámaras web, aínda que este sistema tamén podería ser moi interesante para videocreadores que desexen difundir programas en directo a través da Rede en precisar para iso unha potente infraestrutura.
Aparecen así novos sistemas de explotar o vídeo a través da Internet, o que podería dar lugar a posibilidades de negocio e funcionalidades que ata o momento non son frecuentes, pero que teñen o potencial para popularizarse nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE