Un truco permite acceder a vídeos en alta definición a través de YouTube

venres, 21 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A calidade dos vídeos de YouTube leva meses mellorando considerablemente tanto como resposta aos seus moitos competidores como para abrir novas canles de explotación para tales contidos (como na reprodución para dispositivos coma o iPhone e outros trebellos móbiles) e agora coñecemos que mediante un simple truco consistente en engadir «%fmt=22» no enderezo web dun vídeo (tanto na barra do navegador web como no código para incrustar os clips en páxinas web) se reproduce o contido en alta definición, remitindo ao usuarios un vídeo codificado en H.264 que nos casos localizados ata o momento presenta unha resolución de 1.280 x 720 píxeles, de xeito que é preciso contar cun ordenador de certa potencia (quedan totalmente desbotados os ultraportátiles de baixo custo) para poder ver estes contidos coa súa máxima calidade.
De utilizar algún engadido para o navegador que facilite a descarga de clips de YouTube veremos como ao utilizar o truco mencionado poderemos acceder a unha versión MP4 dos vídeos de máis calidade que inclúe alta calidade tanto de imaxe coma de son (que sería estéreo envolvente).
Unha das principais vantaxes desta nova descuberta é que as plataformas que desexen publicar os seus vídeos cunha calidade moi boa non se verán abocados a optar por plataformas de pago, e poderán continuar a facer uso de YouTube, aínda que esta característica do portal de vídeos de YouTube ten toda a pinta de estar presente en vista da súa posible aplicación comercial (¿aluguer de películas e series de televisión a través da Internet?


Vídeo de exemplo de reprodución en alta definición

PUBLICIDADE