O 63% dos españois descoñece para que serve o DNI electrónico

luns, 15 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O DNI electrónico, esa tecnoloxía que nos identifica xa e que foi expedido a 160.000 cidadáns dende a súa posta en marcha o pasado 16 de marzo en Burgos, resulta na gran maioría dos fogares do estado español tan pouco “identificable” coma podería selo a equipaxe dun habitante doutro planeta. Algo non se fixo ben, cando o 63% das persoas enquisadas a través dun estudo de Pragsis Technologies (encamiñado a esculcar se estamos preparados ou non para a vida moderna da nova tarxeta) imaxinan que o DNI electrónico é coma a identificación de toda a vida pero con toma de corrente. Mais non queda aí a cousa: segundo a devandita investigación, só o 5% dos entrevistados sabe de verdade como funciona e en que pode mellorar a súa vida co seu emprego. Mais, de quen é responsabilidade esta falta de información sobre unha ferramenta que, máis tarde ou máis cedo, vainos caer a todos nas mans (agás, claro, ós que decidiran previamente prescindir de tal obriga)? Deixemos que falen os propios enquisados: o 62% das persoas entrevistadas opinan que do Goberno e o 31% cren que dos propios cidadáns. Sexa como sexa, hai turrada de orellas para os medios de comunicación, tamén: o 7% sostén que a culpa é das canles informativas, que non informan como deberan.

O estudo tamén achega datos preocupantes sobre a existencia dunha boa porcentaxe da poboación que, aínda sabendo que o novo DNI non se enchufa nin dá cambras se se molla, amósase convencida de que vai cruzar os brazos cando llo ofrezan. As razóns desta clara desconfianza son máis ou menos as mesmas que esgrime quen se pecha a mercar por Internet: o 77% dos enquisados sostén que os trámites administrativos e as compras a través do novo DNI non son operacións seguras ó non haber papel de por medio. Outro factor importante é o medo ó posible emprego fraudulento desta tecnoloxía: o 57% opina que pode haber riscos de suplantación de identidade.

Cómpre subliñar que na Rede o Goberno puxo activa unha web na que se explica polo miúdo en que consiste esta tecnoloxía e que vantaxes achega (como facer todo o que se fai agora co DNI tradicional pero a distancia e de xeito inmediato). Mais, segundo unha boa parte dos enquisados na devandita investigación, non chega con habilitar un manual de instrucións na Internet e logo deixar que as cousas se fagan soas.

PUBLICIDADE