As galegas Redegal e Imagos darán a coñecer os seus proxectos en SIMO

venres, 26 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Paseniño, imos sabendo quen representará á nosa terra no SIMO (a Feira Internacional de Informática Multimedia e Comunicacións), o encontro tecnolóxico de Madrid que se vai desenvolver do 6 ó 11 de novembro e que contará con representantes dunha boa parte das empresas do sector máis punteiras a nivel internacional. Sen ir máis lonxe, a plataforma mancomun.org informa estes días de dous proxectos empresariais galegos que darán a coñecer as súas iniciativas en Madrid, xurdidas ámbalas dúas ó abeiro da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense.
Falamos, por unha banda, da firma Imagos, que presentará o Proxecto Trisquel, un traballo encamiñado a desenvolver un sistema operativo en galego empregando de xeito exclusivo software libre.
Pola outra banda, o SIMO tamén contará coa presenza de Redegal, que dará a coñecer o seu Sketch Arm (unha ferramenta para a axilización dos traballos de deseño de armarios feitos a medida) e unha solución para conectar redes sen fíos nas áreas non urbanas a través da concorrencia de programas de código aberto. Tanto unha empresa coma a outra, que foron elixidas polo comité organizador de SIMO con outro medio centenar de iniciativas innovadoras, terán un stand de balde á súa disposición.

PUBLICIDADE