A Consellaría de Innovación e Industria achegará Internet sen fíos a Curtis, Muxía e San Sadurniño

venres, 24 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Os concellos de Curtis, Muxía e San Sadurniño contarán con redes sen fíos de acceso público á Internet, así como centros de dinamización e formación nas TIC grazas a un convenio asinado hoxe por Fernando X. Blanco, conselleiro de Innovación e Industria, cos alcaldes das vilas mencionadas.
Cada un dos concellos contará cunha achega da Consellaría de máis de 83.200 euros, realizándose un investimento total de 1.165.000 euros para o conxunto de Galicia (xa que se van a asinar un total de 14 convenios con outros concellos do rural galego).
Mediante estes convenios desenvolverase o deseño e instalación de redes de telecomunicacións sen fíos mediante tecnoloxías Wi-Fi, WiMAX ou mixtas, que achegarán o acceso á Rede ós cidadáns e, nos casos de núcleos de poboación con problemas de telefonía, ata poderían servir para dar voz sobre IP.

PUBLICIDADE