Ubalda e Quobis presentan unha solución para achegar datos e voz ás embarcacións en portos mediante WiMAX

martes, 10 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Eduardo Ozores ensina un sistema de xestión de largo de banda e outro de actuación sobre cargas eléctricas

Esta tarde o Náutico Vello de A Coruña acolleu unha presentación das empresas galegas Ubalda Ingeniería e Quobis Networks, xunto coa internacional BFI Optilás, que amosaron ós consignatarios de porto de A Coruña un proxecto conxunto co que se pretende dotar de acceso a voz e datos ós buques nos portos mediante tecnoloxía WiMAX.
Eduardo Ozores Baltar, de Ubalda, dirixiu a presentación, amosando as vantaxes de establecer comunicacións sen fíos para achegar servizos ós barcos atracados no porto a uns prezos moito máis reducidos que ós das comunicacións en alta mar (baseadas en satélite) e que dan un valor engadido ós servizos dos portos. A solución presentada, foi desenvolvida por empresas galegas, e baséase na implantación dunha rede WiMAX que permita espallar unha rede de datos sen custosas obras, para logo operar dende a mesma servizos de comunicacións. Un primeiro uso desta nova rede sería o acceso á Internet mediante un xestor de largo de banda (que controla e tarifica o uso das conexións), que se complementaría con comunicacións VoIP para dotar de telefonía ás embarcacións. Ubalda xa desenvolveu este tipo de solucións para achegar o acceso á Rede en vilas afastadas (que así poden compartir un acceso á Internet a un prezo reducido). O sistema proposto incluría antenas WiMAX en terra que se comunicarían cun maletín que se subiría ós buques que soliciten ó servizo e que funcionan de xeito doado.

Javier Arigita comenta os distintos casos de éxito mediante redes en malla e WiMAX

Javier Arigita López, de BFI Optilás, provedor tecnolóxico da plataforma presentada, relatou distintos casos de éxito baseados en redes en malla e WiMAX, expondo cómo as dificultades das comunicacións en contornos náuticos se poden superar, tal e como fixeron en instalación nunhas piscifactorías de Valencia ou no Porto de Santander.
Destacou que as redes sen fíos instaladas podían ter varias funcións adicionais, polo que quedaría a porta aberta a servizos como a videovixilancia, a recepción de información de sensores de presenza, o control de faros, a xestión de boias... que aproveitarían as características da troncal instalada.
Arigita comentou como o WiMAX era unha excelente tecnoloxía para achegar o acceso á Rede e á telefonía sen espallar unha rede de fío (especialmente por non precisar visión directa), mentres que as redes de malla son unha solución complementaria para servizos críticos, que resultan moi interesantes para os mencionados temas como a vixilancia ou o control de dispositivos, o que tamén se pode integrar con tecnoloxía RFID.

Iago Soto falando das vantaxes da telefonía IP

Pola súa banda, Iago Soto Mata, de Quobis Network, comentou a conveniencia da VoIP non só para dar telefonía ós buques nos portos, senón para o uso interno dos propios consignatarios dos portos e de empresas asociadas.
O uso da telefonía IP non sería só un aforro de custos para as empresas, senón que tamén permite unha chea de servizos e funcionalidades propios das centraliñas dixitais (neste caso, baseado no sistema de código aberto Asterisk).
Unha vez instalada a plataforma proposta, poderíase facer uso de terminais de telefonía tanto software, coma fixos, Wi-Fi ou Wi-Fi/GSM, que converterían en realidade a converxencia fixo-móbil.
Vistos os atractivos desta completa solución, queda constancia de que a innovación por parte das empresas galegas pode dar os seus froitos, e que podería verse nos vindeiros meses na dársena deportiva da Coruña ou mesmo no Porto de Vilagarcía de Aurosa, pero do que non cabe dúbida é que este proxecto con vocación europeísta podería transcender a costa galega e achegarse ó resto de portos españois e mesmo europeos, o que se traduciría nunha vantaxe adicional para os buques receptores dos servizos (xa que poderían empregar os mesmos dispositivos de comunicación nos distintos portos españois, facendo máis doado o uso deste sistema de comunicación). Haberá que agardar para ver se este sistema se converte nunha realidade.

PUBLICIDADE