iTunes supera os dez mil millóns de cancións vendidas na Rede

xoves, 25 de febreiro do 2010 Raquel Noya

iTunes, a tenda en liña de descargas musicais de Apple que abreu as súas portas (ou máis ben as súas fiestras) hai sete anos, vén de acadar os dez mil millóns de cancións vendidas na Rede, unha cifra nada desprezable que demostra que Internet, lonxe de ser un medio que perxudica as vendas de discos, beneficia (e moito) aos artistas que decidiron subir ao carro das novas tecnoloxías e non quedar chorando por perder de vender discos nas tendas.
A fórmula empregada por Apple no seu store supuxo no seu día un cambio radical no panorama do mercado discográfico e fronte ao CD, que obriga ao consumidor a adquirir todo o álbum, iTunes permítelle aos internautas seleccionar tan só a canción ou cancións que lle gustan e pagar tan só por elas.
Hai uns días, a compañía instalou na súa portada un contador que enumeraba as cancións vendidas coa promesa de que quen adquirira a canción dez mil millóns (pensando que seguramente non chegarían a ela) recibiría unha recompensa de dez mil dólares. Iso pasou o pasado mércores co cal, a persoa afortunada debería estar a disfrutar xa da súa recompensa, para alegría de Apple, gastando parte dos cartos no iTunes.
O crecemento das vendas desta tenda en liña, que recentemente fixou os seus prezos dentro dunha franxa que vai dende os 69 centavos aos 1,29 dólares, superaron no último trimestre os 520 millóns de dólares, unha cantidade que demostra o bo estado do mercado musical en liña, e non o mal que nos fan ver certas discográficas.

PUBLICIDADE