beINN CONNECT engade á súa oferta a canle Movistar Partidazo

mércores, 27 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos a pugna polos dereitos deportivos por parte das compañías de telecomunicacións converteuse nunha dura guerra, xa que entenderon que o fútbol era un importante reclamo para os consumidores, o que facilitou que Movistar conseguise unha posición de dominio, ao ser a compañía que empaquetaba a meirande oferta deportiva pero, por sorte, para quen non quere casar unha operadora existen alternativas grazas aos servizos de vídeo baixo demanda como beINN CONNECT, que está a mellorar a súa oferta actual incorporando a opción de contratar El Partidazo.
Até o momento o paquete de fútbol de beINN CONNECT incluía 4 canles de fútbol que garantían a recepción de 9 partidos de LaLiga, toda a Champions e a Europa League, a Copa do Rei e LaLiga 1|2|3, así como resumos e partidos á carta e a opción de recibir un partido de LaLiga en 4K de contarmos cun Smart TV UHD da marca Samsung; pero este paquete que ten un prezo de 9,99 euros/mes ten agora unha versión que por 16,99 euros/mes inclúe tamén a canle Movistar Partidazo, de xeito que cada xornada conta cun partido do Real Madrid ou do F.C. Barcelona, o Clásico de volta e o mellor partido de LaLiga 1|2|3.
Para recibir beINN CONNECT podemos empregar practicamente calquera dispositivos audiovisual conectado, xa que está dispoñible para ordenadores persoais, numerosos Smart TV, dispositivos móbiles con Android e iOS, Chromecast e consolas PlayStation, de xeito que podemos tirar proveito desta plataforma audiovisual con calquera operador de telecomunicacións español que achegue un acceso á Internet cunha velocidade mínima de 3 Mbps (para o que recomendan liñas que ofrezan como mínimo 10 Mbps de velocidade de descarga).

PUBLICIDADE