Yahoo emitirá a sexta tempada da serie de televisión Community

martes, 1 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos a serie de televisión Community, emitida nos EE.UU. pola NBC, logrou converterse nunha obra de culto, cunha audiencia reducida pero fiel, que conseguía ano tras ano manterse en antena con renovacións de última hora que ao remate da quinta tempada non chegou, desbotando a NBC a posibilidade de continuar con esta produción, para desesperación dos seareiros deste proxecto que pretendía estar composto por “6 tempadas e unha peli”, tal e como comentaban os seus protagonistas dentro da ficción pero, unha vez máis, a Internet veu ao rescate, e a nova plataforma de vídeo Yahoo Screen será a que rescate Community para unha sexta tempada de 13 episodios.
Nas últimas semanas había rumores que apuntaban a que a serie de Dan Harmon podería continuar en Hulu ou outras plataformas en liña, en vista de que o seu público é bastante afín ás novas plataformas de contidos, de aí que Yahoo decidise apostar por esta produción para o seu novo servizo audiovisual, que podería conseguir así certa proxección.
A nova tempada de Community contará co seu reparto orixinal, aínda que cunha importante ausencia, a de Donald Glover, o que podería ter serias consecuencias de cara a manter o espírito da serie, xa que o seu personaxe, Troy Barnes, ten unha relación simbiótica co de Danny Pudi (Abed Nadir), polo que rachar a divertida parella supón dicir adeus a un dos sinais de identidade desta orixinal ficción ambientada na universidade comunitaria de Greendale.

PUBLICIDADE