Xuventude reúne esta semana a 150 mozos e mozas investigadores das tres universidades galegas

mércores, 24 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

En ocasións, o que afasta a un investigador novo en potencia dunha carreira científica é algo tan sinxelo como coñecer outras persoas na mesma situación, ou recibir unhas verbas de ánimo e recoñecemento, ou mesmo algo tan sinxelo como apuntar un teléfono máis (o decisivo), un enderezo máis, un nome máis. Favorecer un clima no que se dean as circunstancias propicias para iso (para o cruce de tarxetas, opinións, citas e coñecemento), é o gran obxectivo do I Congreso da Mocidade Investigadora que se desenvolve en Santiago entre os días 25 e 26 de outubro, na Facultade de Matemáticas da Universidade.
O encontro, que está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e o Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz, servirá entre outras cousas para que se dean cita 150 mozos e mozas investigadores de máis de 30 departamentos das universidades galegas.
Segundo informa a organización, a xuntanza rebordará de actividades: están previstas máis de oitenta comunicacións. Para comezar, e logo do acto de inauguración de mañá xoves, será Jorge Pérez Maceira, voceiro de Precarios Galicia, o responsábel da conferencia de abertura Da investigación profesional á investigación como profesión, na cal se exporá a actual situación dos investigadores en Galicia, examinando as máis recentes medidas que se veñen implementando neste ámbito. A continuación, terá a oportunidade de réplica o Director Xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, que defenderá e presentará os proxectos do seu Departamento ante o auditorio. Aínda durante a mañá, os promotores do evento presentarán a comisión constitutiva da Sociedade Galega para a Iniciación Científica, que se responsabilizará das futuras edicións do Congreso.

PUBLICIDADE