Xuventude Galiza Net 2008 comeza a facer ruído na Rede

venres, 11 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Xa se albiscan as preparacións do que é, por número, ambición e (tamén) balbordo, un dos encontros informáticos máis importantes do Estado. Falamos da party para a mocidade en liña Xuventude Galiza Net, que deu os primeiros sinais de vida na Rede con vistas a ir -paseniño e sen pausa- atando os cabos da que será a edición 2008, a celebrar en Compostela a xeito de porta de entrada á primavera: entre o 14 e o 16 de marzo.
A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, organizadora do encontro, comezou xa a subministrar datos sobre esta convocatoria o pasado 22 de decembro, cun acto de apertura da páxina web que veu acompañado dun agasallo de Nadal: a entrega de entradas de balde a todos aqueles mozos que se desen de alta antes do 6 de xaneiro e que tivesen a sorte de ver cómo coincidían dúas cifras do seu número con dúas do gordo do sorteo do Neno.
Unha vez máis, a xuntanza desenvolverase no Pazo de Congresos de Santiago, o espazo que segundo a organización máis e mellores requisitos cumpre de cara a albergar durante tres días a 1.500 rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos e con acceso de alta velocidade á Rede, xogos, consolas e todo tipo de actividades á súa disposición e, tamén, á disposición dos visitantes en xeral. Polo que respecta ó programa, vai collendo corpo devagar, pero de xeito continuo. Polo de agora, podemos constatar a continuidade dunha boa parte das actividades que máis éxito tiveron nas edicións anteriores (case-mod, concursos de fotografía, deseño web, animación ou 3D) e un afondamento en novos achados, como por exemplo no pulo ó software libre ou nas pontes xa tendidas o ano pasado con colectivos non moi familiarizados co uso das redes (se cadra máis necesitados de lan partys cá mocidade, que xa está case toda ela en liña) como por exemplo o colectivo da terceira idade.
Asemade, e para todos aqueles e aquelas que non consigan ou non desexen participar nas tres xornadas de rede de XGN, cómpre indicar que unha vez máis haberá extranet, ou, o que é o mesmo: un espazo semi-externo do encontro, de libre acceso á Internet de alta velocidade, e onde se dará cabida a expositores, patrocinadores, charlas, relatorios, mesas redondas e ás consolas e ós xogos máis requiridos a día de hoxe no mercado.

PUBLICIDADE