Xunta, Navantia e UDC fan avanzar o estaleiro do futuro no Campus Industrial de Ferrol

venres, 25 de novembro do 2022 S. P.

O Campus de Ferrol acolleu este venres 25 de novembro a presentación do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia. Trátase, segundo se fixo saber, da evolución da Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, constituída en 2015 e que implicou a un centenar de investigadores procedentes das dúas entidades. Será, engadiron, un sólido alicerce para o estaleiro do futuro.
Na cita participaron o reitor da UDC, Julio Abalde, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o director do negocio de Fragatas e Buques de Navantia, Eduardo Dobarro, a directora de GAIN (Axencia Galega de Innovación), Patricia Argerey, o director do proxecto do centro por parte de Navantia, Rafael Morgade, e o investigador principal por parte da UDC no CEMI UDC-Navantia, Pablo Fariñas.
Pablo Fariñas mencionou algúns dos logros obtidos nos últimos seis anos de traballo. En concreto, dixo que co apoio de GAIN a UMI tivo un investimento total de 4,9 millóns de euros, dos que Navantia aportou tres, 1,4 millóns de Gain e 0,5, a UDC. Amais, mencionou algúns dos resultados acadados nas 16 liñas de investigación abertas coa UMI, como os 154 investigadores implicados, dos que 42 foron novas contratacións, que lle dedicaron ao proxecto máis de 368.000 horas de traballo. Dúas patentes e rexistros de software, un premio de transferencia de tecnoloxía, cinco procedementos industriais, tres algoritmos e dez modelos piloto “son algúns dos logros obtidos”, dixo, salientando tamén a parte académica, coas máis de 95 publicacións científicas, once teses de doutoramento e máis de 50 presentacións en congresos. A UMI foi “un sementeiro de talento”, salientou, engadindo que “froito da investigación da UMI xurdiron proxectos como o Buque sen cables ou o Xemelgo Dixital que, co seu desenvolvemento, constitúen un fito na construción naval militar mundial”.
Rafael Morgade, pola súa banda, apuntou que o CEMI contribuirá á competitividade e eficiencia dun estaleiro que está en plena transformación. “Temos en Ferrol coa CEMI unha oportunidade única”, engadiu.
Nesta mesma liña foi a intervención de Eduardo Dobarro, quen afirmou que “esta é unha historia de éxito de seis anos e o labor de continuidade da CEMI é clave para a innovación do estaleiro”, e manifestou o seu desexo de que nesta nova etapa se implique a outras entidades como a industria auxiliar e a Armada. Dobarro manifestou o seu optimismo co futuro da construción naval de Ferrol ao declarar rotundo que “vén unha década dourada para Ferrol”.
O reitor destacou que a CEMI é unha continuación lóxica do traballo realizado por Navantia, UDC e GAIN nos últimos anos cuns resultados que superaron as expectativas o que animou a Abalde a pedir á Xunta máis financiamento para investigación porque, á vista dos logros obtidos, vese que “non é un gasto senón un investimento”.
O conselleiro recoñeceu o traballo desenvolvido nestes últimos seis anos felicitando a Navantia e á UDC. O vicepresidente primeiro explicou que a UMI primeiro e agora o CEMI xeran un ecosistema científico e tecnolóxico desde o punto de vista académico e industrial. “Os ecosistemas teñen sentido cando hai talento e a CEMI é unha aposta polo talento”, concluíu.

PUBLICIDADE