Xorde un novo xogo de As Bolas Máxicas feito por afeccionados

martes, 8 de abril do 2014 Marcus Fernández

Deixando a un lado os videoxogos oficiais baseados en distintas series de televisión tamén existen desenvolvementos independentes obra de seareiros, como o beat’am up de He-Man e os Amos do Universo do que falamos a primeiros de ano, e agora está a destacar Hyper Dragon Ball Z, un xogo de loita baseado no motor M.U.G.E.N. que conta con gráficos recreados por afeccionados que busca achegar un xogo clásico baseado na serie de animación de As Bolas Máxicas, na liña dos clásicos títulos para Super Nintendo baseados na mesma franquía.
O xogo conta cun completo cadro de loitadores, con movementos que poden lembra aos xogos de loita de Capcom para recreativa (Street Fighter II, Darkstarlkers...), bos efectos de son, escenas cinemáticas e escenarios claramente familiares para os seareiros da serie de Akira Toriyama que verán aquí unha recreación que en moitos casos preferirán aos modernos xogos tridimensionais baseados no anime que tanto éxito acadou na pantalla da Televisión de Galicia.
Os personaxes, escenarios e temas de M.U.G.E.N. que permite gozar deste Hyper Dragon Ball Z poden descargarse de balde vía web, contando o xogo tamén cunha páxina de Facebook dende a que podemos estar ao día dos avances deste desenvolvemento amateur.

O xogo é unha homenaxe á serie de televisión de Akira Toriyama


Vídeo de demostración de Hyper Dragon Ball Z

PUBLICIDADE