Xa podemos presentar proxectos a EmprendedorXXI, que vén cunha manchea de premios

venres, 25 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

As gañadoras e gañadores da edición 2019 do certame

As emprendedoras e emprendedores da nosa terra xa poden presentar os seus proxectos ao certame Premios EmprendedorXXI, que teñen aberta a convocatoria até o 4 de decembro e que distinguirán con diversos recoñecementos as iniciativas máis innovadoras de toda España e máis de Portugal e con meirande impacto en cadanseus territorios. Estas distincións veñen da do Ministerio de Industria (a través de ENISA) e Caixabank a través de Day Onte. Os proxectos gañadores poderán obter premios en metálico, programas de formación internacional en Silicon Valley e a Universidade de Cambridge e a posibilidade de desenvolver un proxecto piloto de innovación para CaixaBank.
Desde a súa creación en 2007, o programa investiu 5,2 millóns de euros en recoñecementos da máis diversa índole e accións de acompañamento para emprendedores, beneficiando a un total de 360 empresas. Os galardóns entregaranse no marco das xornadas DayOne Innovation Summits, a gran xuntanza das e dos protagonistas do sistema emprendedor e tecnolóxico hispano-portugués.
Até o 4 de decembro, os interesados en participar poden presentar a súa candidatura a través da páxina web www.emprendedorxxi.es.
Nesta edición, galardoarase ás mellores empresas dos sectores AgroFood (industria agroalimentaria), Health (saúde), Senior (servizos para xente maior), Mobility (solucións de mobilidade), PropTech (servizos para o sector inmobiliario) e Impact (proxectos de impacto social), as cales recibirán unha dotación económica de 15.000 euros.
Por outra banda, ENISA ofrece a todos os participantes a posibilidade de acceder ao seu financiamento en materia de emprendemento innovador, a través do préstamo participativo, mediante as súas diferentes liñas de financiamento: Mozos Emprendedores, Emprendedores e Crecemento. En 2019 o orzamento, que ascende a un total de 98,5 millóns de euros, dará cobertura a máis de 600 proxectos empresariais, o que suporá un investimento inducido de 214,2 millóns de euros.
Doutra banda, entregaranse un total de 19 premios ás empresas con maior impacto na súa área de procedencia: 17 en España (un por Comunidade Autónoma) e 2 en Portugal (Norte-Centro e Lisboa-Sur e Illas), que recibirán 5.000 euros.

PUBLICIDADE