Xa pode mercarse o xogo Umbrella Corps para PS4 e PC

mércores, 22 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os seareiros máis fieis da franquía de Resident Evil confíen en Resident Evil VII coa súa proposta de retorno ao horror, até o 24 de xaneiro de 2017 non estará dispoñible para PS4, Xbox One e PC, pero para ocupar ese baleiro temos unha proposta moito máis lixeira e enfocada á acción, o xogo de acción en terceira persoa Umbrella Corps, un shooter que esta mesma semana chega como descarga dixital para PlayStation 4 e para ordenadores persoais, que co seu prezo de lanzamento de 29,99 euros deixa claro que non estamos ante un grande lanzamento, á vez que pode animar a moitos xogadores a darlle unha oportunidade.
Aínda que o espírito deste xogo está moi distante das primeiras entregas da franquía, recupera moitos dos seus escenarios, de xeito que nos mapas de Umbrella Corps veremos a vila de Resident Evil 4, Raccoon City, a comisaría de policía, o laboratorio de Umbrella... localizacións que recoñecerán os grandes coñecedores da saga orixinal.
O xogo tamén recibirá un lote de actualización que incluirá skins de personaxes icónicos (Leon, Chris, Wesker...), armas, parches, cores personalizadas e outras novidades, vendéndose por 14,99 euros, aínda que os usuarios que xa teñan decidida a súa adquisición poderían optar directamente por facerse cunha edición de luxo do xogo que está á venda por 39,99 euros.
Umbrella Corps permite vivir un intenso combate corpo a corpo e de medio alcance con puntería de precisión analóxica e mecánicas de cobertura, partidas de infarto sen reaparicións e moitos modos de xogo máis, que como principal aliciente conta con todo o background do universo de Resident Evil.

Umbrella Corps desenvólvese nunha perspectiva de terceira persoa

PUBLICIDADE