Xa está en marcha FUTV, unha proposta de televisión interactiva para Ferrolterra

martes, 15 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A semana pasada a comarca de Ferrol foi testemuña da aparición de novas propostas específicas de televisión en rede, ou se quere, de rede en clave de televisión. Falamos de Ferrolterra Universal TV, unha plataforma que xa está operativa na Internet dende o pasado xoves e que foi presentada, para tal ocasión, cun espectáculo multimedia onde se puxo a proba o valor da mestura de cousas ben distintas para acadar máis pegada (houbo música jazz antes e despois do acto mesmo de presentación e até unha exhibición do subcampión de Estaña de Biketrial, David Sellero).
Un dos grandes obxectivos desta iniciativa é converterse en fío de unión dos veciños de Ferrolterra coa súa bisbarra, estean onde estean.
A posta en longo de FUTV correu a cargo de Sara e Cristóbal Dobarro, presidenta e conselleiro delegado de Comunicación Global, que explicaron a natureza do proxecto, ó seu xuízo pioneiro en España: “Trátase dunha proposta que concentra nunha única empresa a tecnoloxía, a información e a comunicación cunha plataforma propia e contidos producidos nos estudos de Comunicación Global”.
No acto, que contou coa presenza de máis de duascentas persoas vinculadas ós eidos da política (incluído o alcalde de Zaragoza, Alberto Belloch), as empresas e os medios informativos, proxectouse un vídeo corporativo da plataforma no que se explicaron algunhas das vantaxes e características de FUTV.
· Trátase dunha TV IP. Televisión en rede e interactiva. Dito doutro xeito: estamos ante unha nova proposta de televisión á carta onde os usuarios son os administradores dos contidos (deciden en cada intre que queren ver, cando e a través de que formato, Internet, Ipod, móbil, etc). Ou sexa, que ó espectador se lle abren moitas máis posibilidades de participación.
· Vai encamiñada a “amosar que Ferrol pode ser unha cidade e unha comarca pioneira na revolución da televisión que aveciña”. Isto polo que respecta ó exterior. De cara a dentro, FUTV quere establecer un vínculo interactivo cos cidadáns da bisbarra e acadar unha comunidade virtual que estea en contacto con Ferrolterra alí onde se atope. O sexa, non ten límites xeográficos.
· A idea é ofrecer unha gran cantidade de contido, acceso e manexo doados e unha meirande “adecuación” dos programas ós intereses e gustos dos usuarios.

PUBLICIDADE