Xa está aberta a inscrición ao III Betabeers Galicia

xoves, 6 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Imaxe da primeira edición de Betabeers na Coruña

O encontro de desenvolvedores web Betabeers Galicia celebrará o vindeiro día 27 a súa terceira edición na sala 1 do Centro Sociocultural Novacaixagalicia (no Cantón Grande da Coruña), estando xa aberta a inscrición ao evento, pese a que o seu programa está aínda por confirmar, de xeito que se algún profesional do sector está interesado en presentar o seu proxecto, pode contactar por correo electrónico co seu organizador, Reinaldo Aguilera, quen tamén está involucrado nun par de eventos que terán lugar durante a vindeira fin de semana: o Megathon Windows 8 do que xa demos conta o pasado martes, e ao 1º ChurrasCode do Google Developers Group de Vigo.
Este último encontro combinará un relatorio de introdución a WebGL cunha degustación de churrasco (para un máximo de 20 persoas). Botará a andar ás 20:00 horas na sede en Agualevada (Ponteareas) de Mobialia, compañía da que o seu responsable, Alberto Alonso Ruibal, será o encargado de impartir a sesión formativa que rematará ás 21:15 horas, cando comezará parte máis informal do evento.

A inscrición ao ChurrasCode realízase a través de Google+

PUBLICIDADE