Wuaki Selection, Total Channel e Gol T poden contratarse xuntos a través dunha interesante promoción

luns, 13 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A oferta audiovisual baixo demanda está a fortalecerse en España, e tras chegar a un acordo con Mediapro dende Wuaki.tv anuncian unha interesante oferta conxunta da canle deportiva Gol T e das canles televisivas premium incluída en Total Channel, xunto coa oferta de series de televisión e películas á carta de Wuaki Selection por 18.03 euros/mes durante os 3 primeiros meses (logo subirá até 29,95 euros/mes).
Esta promoción permite que os seus subscritores poidan acceder a máis de 300 partidos da Liga BBVA (incluíndo o clásicos e 8 partidos cada xornada, para o que recibirán un adaptador CAM ou decodificador de TDT Premium de balde), ou sexa, a oferta habitual de Gol T, ao que engadiremos o servizo de Total Channel (que funciona como un gravador en liña de 12 canles de pagamento como Fox, AXN, TNT, AXN White, Nickelodeon... que pode reproducir os contidos en ordenadores, dispositivos móbiles, televisores conectados de Samsung e LG, Chromecast e incluso en consolas PlayStation 3 e 4) e a oferta de Wuaki Selection (cun grande catálogo de series e películas que tamén poden reproducirse baixo demanda a través de numerosos dispositivos conectados).
Consolídase así unha oferta audiovisual alternativa a plataformas tradicionais como a televisión por satélite ou por cable, baseando os contidos á carta en plataformas en liña que favorecen as posibilidades de elección do usuario e caracterízanse pola súa riqueza de contidos baixo demanda por un prezo fixo ao mes.

PUBLICIDADE