Volven os paxaros anoxados de Rovio

venres, 1 de abril do 2022 Marcus Fernández

O xogo dos Angry Birds era todo un imprescindible en dispositivos móbiles no ano 2012, e dende Rovio quixeron recuperar este clásico reconstruíndoo empregando o motor Unity para dar pé a unha plataforma sustentable que facilite a adaptación do xogo a novos dispositivos mantendo a autenticidade da experiencia orixinal.
Deste xeito temos xa dispoñible na App Store e na tenda de Google Play o xogo Rovio Classics: Angry Birds, que por 0,99 euros ofrece os 8 episodios orixinais de Angry Birds, sumando máis de 390 niveis. Inclúe os personaxes de sempre e a posibilidade de invocar á Aguia Poderosa para poder arrasar os niveis máis difíciles de superar, e todo isto sen compras integradas e sen anuncios, conservando así a máis pura esencia dos xogos móbiles clásicos.

Vídeo promocional de Rovio Classics: Angry Birds

PUBLICIDADE