Vodafone, Ericsson e Qualcomm realizan a primeira chamada de datos 5G de capacidade reducida en Europa

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

Ericsson, Vodafone e Qualcomm Technologies realizaron as primeiras probas de datos RAN Reduced Capability (RedCap) nunha rede europea, unha probas que, segundo informaron as tres empresas, “sentan os alicerces para que moitos dos dispositivos IoT (Internet das Cousas) e outros dispositivos conectados transmitan datos de forma máis eficiente e sinxela”. O piloto realizouse o 21 de setembro co software RedCap RAN de Ericsson utilizando a rede 5G de probas de Vodafone España CREATE (Ciudad Real España Advanced Testing Environment). O piloto saldouse con éxito, segundo relatou a operadora.
Vodafone explica que RedCap habilita a conectividade para dispositivos máis simples, desde dispositivos portátiles como os smartwatches ata dispositivos IoT como os medidores de auga intelixentes, permitindo que moitos máis dispositivos se conecten a redes 5G e transmitan datos con baixo consumo e cun menor custo. “Desta forma, conséguense melloras nos casos de uso 5G existentes e créanse novas oportunidades”, sinala a operadora, engadindo que esta tecnoloxía, chamada New Radio Light, funciona con dispositivos de menor complexidade que poden ser máis pequenos, máis baratos e cunha maior duración da batería que os dispositivos tradicionais que fan uso da banda larga móbil. Amais, a tecnoloxía pode complementar as API de rede desenvolvidas por Vodafone para que os seus clientes alonguen a duración da batería dos seus dispositivos.
A demostración realizouse facendo uso da plataforma Qualcomm Snapdragon X35, o primeiro módem NR-Light, que, segundo indicaron, pecha a brecha da complexidade entre os dispositivos de banda larga móbil de alta velocidade e os de largo de banda reducido e baixo consumo. Estas probas forman parte dos pasos previos á introdución de dispositivos comerciais baseados en Snapdragon, prevista para 2024.
“As probas marcaron un punto de inflexión para os fabricantes de equipos orixinais (OEMs), os operadores de rede e os usuarios, xa que marca un camiño claro cara a novos dispositivos e casos de uso comercial”, explicou Dino Flore, vicepresidente de Tecnoloxía de Qualcomm Europa, engadindo que “o uso de redes comerciais 5G para aplicacións de menor largo de banda supón un fito importante, non só porque ofrece a posibilidade de cambiar a dispositivos 5G de baixo consumo, senón que tamén se basea nas vantaxes actuais e futuras que ofrece o 5G SA. Continuaremos traballando con clientes, industria e os nosos socios para acelerar a creación de dispositivos 5G que impliquen novos e emocionantes casos de uso para as empresas e os usuarios”.

PUBLICIDADE