Vilanova de Arousa contará con rede sen fíos para levar Internet a todas as parroquias

xoves, 24 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Vilanova de Arousa tamén terá rede Wi-Fi de emprego público. Así o fai saber estes días nun comunicado o propio departamento de Informática do Concello, logo de que finalmente resultase elixida a empresa Grupo Tecnocom como responsable da achega de infraestrutura para converter o dito termo arousán nun punto de acceso á Sociedade da Información. O proxecto, para o que se conta cun orzamento de 535.000 euros, inclúe tres meses de traballo e o subministro deste equipamento: instalación e posta en marcha dunha rede sen fíos de datos e acceso á Rede co que se dea cobertura ás distintas parroquias do rural e máis ó seu núcleo urbano.
Tecnocom, que resultou elixida (en termos do propio Concello) pola calidade dos seus servizos e pola súa experiencia, habilitará redes e puntos de conexión non só para os habitantes de Vilanova, senón tamén para “mellorar a comunicación entre todas as dependencias municipais cos seus veciños, con independencia de onde se atopen”, sinala o grupo de goberno local.
A idea, asemade, é incluír ferramentas municipais como vídeo vixilancia, puntos de información turística dixitais, VoIP, etc.
A arquitectura da rede incorpora os seguintes elementos:
· Centro de Procesado de Datos (CPD). Abrangue todos os elementos encargados de asegurar o correcto control e xestión da rede.
· Rede troncal. Será a encarga de transportar o sinal dende o centro de procesado de datos até aqueles puntos onde estea planificado poñer unha rede de acceso. Estará formada por 22 emprazamentos de Wimax.
· Rede de acceso. A rede no contorno urbano será mixta sen e con fíos (fibra óptica), e no rural será sen fíos. Esta parte da rede non será outra cousa que o interfaz que posibilitará ós usuarios o acceso ás canles e ós servizos achegados. A rede terá 60 puntos de conexión no rural e 20 no urbano.
Na imaxe, Vilanova vista por Jorge Louzao.

PUBLICIDADE