Vilagarcía tirará proveito dos Next Generation para impulsar a transformación TIC do comercio

martes, 4 de xaneiro do 2022 S. P.

Vilagarcía comezou o ano con boas novas para a súa economía, máis polo miúdo para un dos sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia: o comercio de proximidade. En concreto, o Concello comunicou que recibirá 537.023 euros dos fondos europeos Next Generation para financiar o Vilagarcía Viva o proxecto de revitalización do comercio de proximidade deseñado pola Concellería de Promoción Económica do Concello que ten entre os seus obxectivos impulsar a transformación dixital da rede local de establecementos.
“Con esta nova”, explicou o Concello, “Vilagarcía fai pleno no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia posto en marcha polo Goberno do Estado con fondos liberados pola Unión Europea para paliar a crise económica xerada pola pandemia, posto que ademais desta, tamén obtivemos financiamento a segunda proposta presentada á convocatoria, a do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), que recibiu outros 2,5 millóns de euros”.
A iniciativa Vilagarcía Viva enmárcase no Plan de Promoción e Recuperación Económica Vilagarcía 20-21 que está a executar o Concello cunha dotación superior ao millón de euros. A intención do Executivo vilagarcián era ampliar este plan ata finais de 2022, “algo que xa está garantido coa obtención desta nova axuda”, explicaron fontes do Goberno local, engadindo que os fondos terán como obxectivo revitalizar o comercio de proximidade, un dos sectores que máis sufriu durante a crise sanitaria, xa que a liña do programa europeo a través da que se obteñen é a dedicada ao “apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtos de comercialización”.
As accións a desenvolver oriéntanse á transformación tecnolóxica e do punto de venta dos negocios (co fin de mellorar os procesos de compra, promoción e distribución a través de zonas dixitalizadas de carga e descarga, a instalación de puntos de entrega de produtos intelixentes en diferentes zonas da cidade, a posta en marcha de ferramentas de autodiagnóstico para as empresas ou a formación TIC personalizada), a actuacións de sustentabilidade e economía circular, a formación para o sector comercial e a intervencións en materia de adecuación de espazos, eficiencia enerxética e xestión de residuos.
“O obxectivo é aproveitar estes fondos para promover a modernización do tecido comercial local, de xeito que saia fortalecido e sexa máis competitivo e eficiente de cara ás necesidades do consumidor actual, á vez que se axuste aos requisitos medio ambientais e enerxéticos que se defenden dende Europa”, engadiu o Concello.

PUBLICIDADE