Vigo afonda na súa colaboración coa Universidade de Minho en materia de nanotecnoloxía

martes, 3 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

Os reitores Salustiano Mato e Antonio M. Cunha durante a súa primeira xuntanza oficial

A Universidade de Vigo e a de Minho colaborarán no eido da nanotecnoloxía e, máis en detalle, en áreas de investigación ligadas á ciencia do miúdo, como por exemplo a nanoelectrónica, a calidade alimentaria, o control do medio ambiente mediante o uso de novas ferramentas ou a procura de medicamentos máis eficaces e inocuos coa saúde. Así o fixeron saber os máximos representantes de ámbalas dúas institucións educativas, Salustiano Mato e Antonio M. Cunha, trala súa primeira xuntanza logo da chegada de Mato ao reitorado vigués. As dúas universidades, que tamén cooperarán no proxecto do Campus do Mar, coincidiron en situar ao Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga como un dos eixes básicos da súa colaboración, e máis aínda tendo en conta o seu potencial: dá acubillo a 400 investigadores e está desenvolvido dende o seu alicerce para converterse en espazo de traballo conxunto para universidades e centros das dúas marxes do Miño.
Segundo explicou durante a xuntanza o reitor vigués “tratamos de concretar fórmulas específicas de colaboración conxunta no eido da nanotecnoloxía”, vinculadas ao laboratorio, tanto no eido da investigación como no da oferta académica.
Posto en marcha hai un ano, o devandito centro de investigación centra os seus esforzos en catro áreas de investigación relacionadas coa nanotecnoloxía: a nanomedicina; o control ambiental, de calidade alimentaria e de seguridade; a nanoelectrónica; e a nanomanipulación. A reunión entre ámbolos dous reitores tamén serviu para darlle un novo pulo ao Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER, un espazo de colaboración do que xa temos falado nesta web para dar conta, entre outras cousas, de iniciativas para dar a coñecer o patrimonio das universidades das dúas beiras do Minho pola vía das ferramentas dixitais da comunicación. Presidido arestora pola Universidade de Minho, o centro busca estreitar as canles de comunicación entre os centros académicos universitarios da eurorrexión reforzando así as capacidades dos seus membros. De cara ao futuro do CEER, o reitor vigués expresou o seu compromiso para “incentivar e reactivar a súa actividade, sobre todo de cara á profesionalización”.
Segundo apunta a Universidade de Vigo, o CEER está a traballar no deseño dun Proxecto de Formación Continua Eurorrexional, ofrecido polas 6 universidades do CEER (A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro). Este proxecto estará dirixido a traballadores en activo e empresarios cunha modalidade de formación "en liña", sobre todo de cara aos estudos de posgrao.

PUBLICIDADE