Varios servidores de videoxogos baixo ataques de DDoS

luns, 25 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Parece que o feito de que as plataformas de videoxogos en liña conten con información de pagamento de millóns de usuarios fainas uns apetitosos obxectivos para ataques informáticos, e esta fin de semana o grupo que responde ao nome de Lizard Squad reivindicou ter lanzado un ataque masivo de denegación de servizo contra a PlayStation Network, poucas horas despois de ter afectado seriamente a numerosos servidores de Blizzard, de xeito que a frustración de non poder xogar a títulos como Hearthstone, Diablo 3, World of Warcraft e League of Legends pasou á PlayStation Network.
Dende Sony admitiron verse afectados polo ataque nas súas plataformas PlayStation Network e Sony Entertainment Network, o que provocou a súa saturación pero, en ningún momento, a afectación dos datos almacenados nas mesmas. Para evitar problemas maiores, Sony retirou os seus servizos en liña, analizaron o acontecido (sen detectar intrusións nos seus sistemas) e restauraron os servizos tras varias horas, cancelando a parada por mantemento que estaba programada para hoxe, evitando así a molestia que ocasionaría aos seus usuarios dúas interrupcións seguidas.
Pero os ataques non quedarían así, senón que na pasada madrugada tamén levarían os problemas ao campo de Microsoft, provocando problemas nos servidores de identificación de Xbox LIVE, do que deron conta na páxina web que informa do estado do servizo. Xbox LIVE continúa a ter problemas durante toda a xornada, pero están en vías de solución á vez que algúns servidores de Blizzard continuaron a recibir ataques.
A cousa non quedou en ataques en liña, senón que o presidente de Sony Online Entertainment, John Smedley, que veu como desviaron o seu voo tras unha ameaza, estando o caso nas mans do FBI. Nesta caso tamén foi a xente de Lizard Squad a que advertiu de que o voo de American Airlines no que voaba Smedley podería levar explosivos abordo, comentario que está a medio camiño entre unha denuncia e unha ameaza de bomba, polo que é posible que continuemos a escoitar sobre os feitos de hoxe durante as vindeiras semanas.

PUBLICIDADE