Varias televisións privadas poderían fusionarse de cara ao apagamento analóxico

xoves, 17 de decembro do 2009 Marcus Fernández

A cotización bolsista das televisións medrou por mor dos rumores de fusión

Nos últimos meses non cesaron os rumores de fusión entre as canles de televisión españolas, pero finalmente parece que o futuro do audiovisual español comeza a debuxarse, e as negociacións entre Antena 3 e La Sexta están a piques de concluír nun acordo para a xestión dun grupo que tras o apagamento analóxico xestionará 8 canles de Televisión Dixital Terrestre.
A primeira grande fusión entre canles españolas realizaríase mediante un intercambio de participacións e tería ao Grupo Antena 3 coma principal accionista, aínda que a xestión repartiríase equilibradamente entre as dúas compañías actuais segundo publican en El Mundo.
A compañía tamén podería ampliar a súa aposta pola TDT Premium, para lanzar outras canles que acompañen a Gol Televisión, que actualmente é un dos principais atractivos desta operación, que podería non ser a última en anunciarse antes de rematar o ano, xa que rumoréase unha fusión entre Telecinco e Cuatro (que podería anunciarse o vindeiro venres). De feito, Prisa, Telecinco e Antena 3 lideraban hoxe as alzas na Bolsa de Madrid ante as posibilidades de fusións, pese a que ningunha das operacións está confirmada oficialmente.

PUBLICIDADE