Valve rende homenaxe a Terry Pratchett en Dota 2

martes, 28 de abril do 2015 Marcus Fernández

Tras o pasamento de Leonard Nimoy, o xogo Star Trek Online estrou unha serie de estatuas e placas conmemorativas dentro do seu universo virtual en liña para renderlle homenaxe, o que serve de mostra dos novos xeitos que ten a sociedade hoxe para presentar o seu respecto ante o pasamento de figuras relevantes, o que está a resultar bastante curioso no caso do xogo de areas de combate en liña Dota 2, que na súa última actualización incluíu un novo obxecto que lembraría a figura de Terry Pratchett, autor da serie de novelas de Mundodisco (entre moitas outras obras).
O elemento incorporado é o Núcleo de Octarina, que achega incrementos de 25 puntos de intelixencia, 450 de HP, 400 de maná, 4 HP de rexeneración e un 100% de rexeneración de maná (polo que sería apto para que o empreguen os magos e outros personaxes de Dota 2 baseados na intelixencia), e sería unha homenaxe a Pratchett xa que a octarina é a cor da maxia, un invento do autor que faleceu hai pouco vítima do Alzheimer, que incluso deu título á primeira novela de Mundodisco (The Colour of Magic ou A Cor da Maxia). O Núcleo de Octarina sería un dos elementos máis caros de Dota 2, destacando así a súa presenza, quedando clara a admiración do persoal de Valve polo autor británico, que elixir o seu título máis xogado para facer un aceno á obra de Pratchett.

PUBLICIDADE