Usar sempre a mesma clave: leña ao lume da inseguridade informática

venres, 4 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Entre as recomendacións de seguridade que nos ofrecen cada pouco as empresas dedicadas a este asunto moderadamente lucrativo de protexernos, hai unha que nestes últimos tempos se repite con moita frecuencia: a recomendación de non empregar para todos os servizos en liña nos que estamos dada de alta unha vez tras outra o mesmo contrasinal. Iso mesmo, só que entrando un pouquiño máis en detalles e cargando as tintas nas consecuencias, é o que está a facer estes días a firma CPP a través dun estudo propio de seu sobre seguridade dixital reflectido estes días por medios como Baquia ou The Telegraph. A investigación achega unha serie de datos interesantes: case o 50% dos usuarios da Rede de Reino Unido non se complica moito a vida á hora de achegar unha clave para entrar nos diferentes espazos de Internet: pon en xogo e por sistema o nome da súa mascota, unha data sinalada ou ben as primeiras cifras do seu móbil.
O caso é que o contrasinal sempre é o mesmo, e nunha boa parte dos casos moi doado de adiviñar: só hai que achegarse ao día a día da persoa en cuestión e descubrir cómo se chama o animal que ten na casa ou o nome dos seus fillos. Teremos deste xeito un terzo das posibilidades cuberto, que non é pouca cousa.
Por se isto fose pouco, as claves dos internautas son cada vez menos segredas: entre as parellas e as familias semella ser un compromiso case que sagrado o feito de dalas a coñecer. A cousa non tería maiores consecuencias, sostense no dito estudo, se non fose porque moitas desas parellas desfanse e logo o contrasinal non se troca por outro. Consecuencia: os datos son expostos e poden ser usados para todo tipo de fins. E a cousa non está para brincadeiras. Segundo conta o informe en cuestión, un de cada dez internautas sufriu nas súas carnes a intromisión doutra persoa na súa información privada e un de cada vinte foi obxecto dun roubo de identidade.

PUBLICIDADE