Urco lanza a edición definitiva de O frío azul cunha completa capa de realidade aumentada

venres, 3 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

A editorial compostelá Urco está nos últimos tempos a recuperar algúns clásicos da nosa narrativa fantástica, terror e ciencia ficción, unha liña de actividade coa que complementa a publicación de todo tipo de obras actuais inseridas nestes xéneros (incluídas moitas de autoras e autores galegos, a través do selo Alcaián). Nesta vertente de traer de volta grandes obras galegas das que as novas xeracións cómpre que escoiten falar (sen demora) insírese a colaboración de Urco con Ramón Caride, un dos grandes da nosa literatura fantástica. A colaboración colleu corpo con Flash-Back 13 (escolma de relatos de Caride) e agora impúlsase aínda máis coa novela O frío azul. Dáse a circunstancia de que para a reedición desta obra, Urco apoiou un pé no futuro. De feito, incorpora unha capa de realidade aumentada.
A novela, Premio Lueiro Rey de Novela Curta en 2007 e Premio El Tempo de las Mil Puertas da Editorial Anaya, achégase agora na súa edición definitiva en galego, incluíndo “unha gran cantidade de material inédito e un coidado traballo de revisión e edición”. A obra, como lembraremos, transcorre na contorna do Mosteiro de Oseira, a onde chega un viaxeiro desafiando unha nevarada, “levando consigo unha misteriosa bagaxe e a fonda tristeza dun espírito mancado”. O frío azul é unha mestura de relato de viaxes, novela de misterio e narración histórica.
Como dixemos, Urco quixo celebrar o regreso da novela cun pouco de novas tecnoloxías. Así, a cuberta do libro leva incrustada unha capa de realidade aumentada, “unha xanela aberta ao futuro en papel coexistindo co dixital”, en palabras dos responsábeis do selo literario galego. E engaden: “Con este libro somos pioneiros dentro do sistema editorial galego, no uso da realidade aumentada, un sistema tecnolóxico que, mediante un dispositivo móbil, combina a visión da contorna física con elementos dixitais”.
En termos máis concretos, se usamos no noso dispositivo móbil a aplicación Layar (ferramenta de balde para móbiles e tabletas), seremos quen de acadar un novo visionado da cuberta, podendo acceder ao booktrailer da obra e unha serie de ligazóns á web da editora e ás redes sociais. Segundo salienta Urco, todos os elementos desta capa virtual están “ancorados” fisicamente ao libro, e móvense en coordenadas tridimensionais. Dende o selo consideran que experiencias coma esta son o primeiro chanzo “cara a un mundo no que o dixital engada valor ao libro en papel, o punto de confluencia de dous ámbitos que non deben estar enfrontados e que nos ofrece posibilidades sen fin”.

PUBLICIDADE