Unha xuíza estadounidense desautoriza o bloqueo da compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft

martes, 11 de xullo do 2023 Marcus Fernández

A primeiros do ano pasado Microsoft acordou a compra de Activision Blizzard por 68.700 millóns de dólares en efectivo, operación que estaba pendente da aprobación dos organismos reguladores e á que se opoñía seriamente Sony, que vía perigar a súa posición no sector dos videoxogos se unha franquía tan importante como Call of Duty pasaba a depender dos estudios de Microsoft.
Neste tempo puidemos ver como boa parte dos países (incluíndo a Unión Europea), autorizaban a operación con poucas obxeccións, pero nos EE.UU. o organismo regulador da competencia, a FTC, opoñíase á compra por desconfiar de Microsoft (considerando que podería abusar da súa posición tras a compra) e, en contraste, no Reino Unido o organismo análogo, a CMA, non vía como un problema a situación á que pasaría a franquía de Call of Duty, pero si consideraba perigosa a operación a longo prazo, por favorecer que Xbox puidese monopolizar o xogo na nube.
Microsoft defendeuse das acusacións contra a súa compañía que servían de argumento para bloquear a compra de Activision Blizzard, e nos xulgados estadounidenses a xuíza Jacqueline Scott Corley considerou que o bloqueo da FTC non estaba xustificado, xa que Microsoft comprometíase a levar Call of Duty a consolas PlayStation e de Nintendo durante 10 anos, e incluso abrían os xogos de Activision a varios servizos de xogo na nube. A xuíza incluso entende que o marco tras a compra de Activision Blizzard non restrinxiría o acceso de franquías como Call of Duty, senón que faría xusto o contrario: abrilas a máis xogadores.
Tras esta resolución xudicial Microsoft volveu pór á vista en Reino Unido, que é o último atranco que ten a adquisición para completarse, e Microsoft e Activision queren chegar a un acordo amigable coa CMA, para o que xa pediron conxuntamente o Tribunal de Apelación da Competencia a suspensión do seu litixio. A CMA está disposta a escoitar as propostas de Microsoft para que a compra de Activision Blizzard poida considerarse aceptable, e o feito de que nos EE.UU. a operación teña xa luz verde xogará un papel crucial nesta negociación, xa que deixan a Reino Unido nunha posición moi vulnerable (sería indefendible prohibir a compra no Reino Unido, pois podería provocar que os cidadáns británicos quedasen no futuro sen os xogos de Activision Blizzard).
O acordo de compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft debería pecharse antes do 18 de xullo, o que poderían conseguir se non xorden complicacións de última hora.

PUBLICIDADE