Unha parella interrumpe o casamento para actualizar o seu perfil en Facebook

venres, 4 de decembro do 2009 Raquel Noya

As novas tecnoloxías e Internet son ferramentas que sen dúbida nos facilitan moito o noso día a día e melloran considerablemente a nosa calidade de vida, porén hai veces que máis que axudar, sobre todo se se usan sen cabeza, son un enfastio que entorpecen as nosas actividades e molestan máis do que axudan.
Un exemplo do mal uso das novas tecnoloxías son Dana Hanna e Tracy Page, unha parella dos Estados Unidos (de onde se non) que veñen de converterse nos “frikis da Rede” por excelencia ao interrumper a súa voda para actualizar o seu perfil en Facebook e Twitter e facer público o seu novo estado civil.
Logo de que o pastor que oficiaba a cerimonia pronunciara a mítica frase “declárovos marido e muller”, o noivo, en lugar de bicar á muller como marca a tradición, sacou do seu peto un teléfono móbil e procedeu, para sorpresa de todos os convidados, a actualizar o seu estado civil no perfil de Facebook e a publicar unha mensaxe en Twitter.
Posteriormente, o personaxe en cuestión sacou outro móbil do peto do seu traxe e pasoullo á súa muller para que fixera o propio nas súas contas virtuais. A mensaxe que Dana puxo na súa páxina de Twitter (que, como non, moitos dos alí presentes seguramente puideron ler en directo a través dos seus terminais) foi a seguinte: “No altar, con @TracyPage onde hai un segundo converteuse na miña muller. Teño que marchar, é hora de bicar á miña noiva”. Para botarse a chorar, sen dúbida, pero de risa.


Curiosa escena do casamento de Dana Hana e Tracy Page

PUBLICIDADE