Unha nova web en galego reúne todo tipo de xogos Flash

xoves, 29 de novembro do 2007 Raquel Noya

Hai días nos que, con esta friaxe que entala ata os músculos máis agochados, polo que menos devecemos nada máis poñer un pé fora da cama é por ir a traballar. Dende logo, o que máis e o que menos, ficaría (se puidese) ben a gusto na casa ó carón do radiador cun bo acceso a Internet e con todo o tempo do mundo para fozar a ver que se coce na Rede ou ver boas películas en agradable compaña.
O obxectivo deste artigo non é -nin moito menos-, deprimir ós lectores que non teñen a sorte de poder gozar do descrito senón achegarlles un fío de esperanza para que pasen a mañá o máis a gusto (e rápido) posible sen que o xefe sospeite de que están a perder o tempo. Falamos da nova web Megaxogos.com que vén de ver a luz e que recolle unha boa morea de xogos Flash para o goce de todo tipo de internautas.
Dende xogos de acción até xogos de estratexia pasando por xogos de aventuras, de memoria, de coches, de deportes, de habilidades, de música, de naves, de plataformas... Semella que poucos temas e formatos se lles deberon escapar ós creadores da web, que, para curarse en saúde, incluíron a sección “novidades” na que recollen todo aquilo que vai saíndo e que non ten unha clasificación ben definida.
Xogos clásicos como o Tetris, o Puzzle ou o Shangai xa poden pasar a formar parte dos nosos pasatempos favoritos de oficina sen ter que procurar en webs xaponesas, chinesas ou coreanas que fican lonxe de poder ser traducidas por nós mesmos, que non adoitamos ir alén de sitios en galego, portugués, castelán e algo de inglés (que non é pouco).
Este portal forma parte dun conxunto de sitios dedicados a tódalas idades, tales como Megajocs.com, MasqueJuegos.es, Megajocs.net, Superarcadeland.com (versións en catalán, castelán, occitán e inglés deste mesmo portal), ou Pipape.net, unha páxina web dedicada só ás rapazas. Tamén forman parte do equipo outros portais como todocuentos.es (portal de contos en español) ou gratispc.es, un portal en castelán que permite descargas de programas totalmente de balde.

PUBLICIDADE