Unha nova app permite acceder a préstamos electrónicos dos fondos das nosas bibliotecas públicas

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

Os 800.000 usuarios da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia contan dende este martes 30 de xaneiro cunha nova ferramenta. É unha aplicación móbil que permite acceder de balde aos contidos dixitais recollidos na plataforma de préstamos Galicia Le. O catálogo proporciona un servizo de préstamo temporal duns 14.000 libros, revistas e películas. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dixo na presentación que este servizo “ábrenos un mundo de posibilidades enorme, unha Torre de Babel, e permite un salto cualitativo no acceso ao libro e á cultura”. A aplicación inclúe tamén unha nova versión dixital do carné de usuario e unha nova modalidade orientada a persoas non residentes en Galicia.
Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, sinalou que este novo servizo vai estar dispoñíbel para os sistemas operativos de Android e iOS e permite levar nun mesmo dispositivo os máis de 14.000 títulos de fondos literarios e documentais dispoñíbeis en GaliciaLe para acceder a eles calquera día da semana e en calquera horario. “Esta plataforma de préstamo e consulta dos recursos electrónicos ofrecidos polas bibliotecas públicas de Galicia pechou o ano 2023 con case 17.500 usuarios, o que demostra o interese dos galegos pola lectura dixital,” precisou.
Ademais, a ferramenta inclúe a modalidade GaliciaLe+, que permite o uso da plataforma por parte de persoas residentes fóra da Comunidade que queren ler en galego.
Esta medida, accesíbel a persoas de calquera lugar do mundo, ten por obxectivo “promover e facilitar a lectura en galego máis alá das nosas fronteiras, así como facilitar o acceso á Galicia exterior a todos os recursos desta app”, sinalaron, engadindo que “as ferramentas dixitais permitiralle a emigración galega estar máis cerca do seu lugar de orixe”.
De xeito paralelo procedeuse a actualizar a imaxe dos carnés de usuario, de xeito que todas as bibliotecas públicas contarán co mesmo modelo para ofrecer aos seus lectores. “Trátase dunha tarxeta personalizábel co nome da biblioteca titular que ofrece unha imaxe común en toda a Rede”, explicou o conselleiro, quen precisou que, por primeira vez, o carné poderá solicitarse de xeito telemático sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca.
Tamén como novidade actualizaranse as condicións de protección de datos e deixará de ser obrigatorio presentar unha fotografía. Ademais, haberá dúas modalidades de carné, unha física cun deseño adaptado á nova imaxe e outra dixital que se poderá levar directamente no teléfono móbil.

PUBLICIDADE