Unha ferramenta permite gozar en VR dos xogos creados con Unreal Engine

mércores, 3 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O sector dos videoxogos de realidade virtual está a vivir esta semana toda unha revolución, xa que Praydog publicou unha versión de proba de UEVR, unha ferramenta que facilita o uso de case todos os xogos baseados en Unreal Engine 4 e 5 mediante visores de realidade virtual como os Meta Quest, HTC Vive ou Valve Index cun esforzo mínimo por parte do usuario.
Esta ferramenta inxecta código aos xogos para que poidan visualizarse en realidade virtual, ou sexa, que en vez de presentarse en plano nunha pantalla poden verse de xeito estereoscópico (cunha imaxe distinta para cada ollo), engadindo distintas opcións de personalización para poder optar entre distintos métodos de mudar o punto de vista do xogador durante as partidas.
Aínda que os xogos creados en primeira persoa conseguen unha experiencia máis propia da realidade virtual, sorprendentemente os títulos en terceira persoa ofrecen unha experiencia bastante boa, xa que poden gozarse percibindo mellor o espazo e a profundidade, podendo elixir o xogador a posición da cámara. De feito, a configuración de cada xogo é crucial para unha boa experiencia, de aí que xa estean a circular pola Rede ficheiros de configuración para xogos que resultan especialmente gratificantes en VR pese a non terse deseñado para visores de realidade virtual.
Actualmente só en Steam hai máis de 11.000 xogos que serían susceptibles de verse en realidade virtual grazas á nova ferramenta, dos que xa se probaron máis de 500, permitindo que os usuarios gocen así dun novo xeito dos títulos na súa colección.
Se UEVR consegue grande repercusión podería levar a que boa parte dos desenvolvedores de videoxogos con Unreal Engine decidan adaptar os seus títulos para que soporten de xeito nativo a realidade virtual, xa que así conseguen mellorar a percepción de valor das súas creacións.

Vídeo de presentación da versión de proba de UEVR

PUBLICIDADE