Unha consulta analizará a situación actual das conexións de 30 e 100 Mbps en Galicia

mércores, 19 de novembro do 2014 Redacción

A AMTEGA vén de abrir un proceso de consulta aos operadores de telecomunicación de servizos de banda larga ultrarrápida (30 Mbps e 100 Mbps), con presenza en Galicia. O obxectivo é coñecer a situación da oferta e a demanda, residencial, empresarial e do sector público deste tipo de redes e actualizar o estudo da banda larga na nosa comunidade autónoma, incorporando os resultados acadados polo Plan de Banda Larga da Xunta.
Este é o paso previo imprescindible para poder adoptar as medidas necesarias para que Galicia avance no obxectivo marcado pola Axenda Dixital de Europa no horizonte 2020: que todos os europeos teñan acceso a unhas velocidades de Internet por riba dos 30 Mbps, e que polo menos a metade dos fogares europeos teñen contratadas conexións a Internet superiores a 100 Mbps.
Como unha actuación imprescindible para a definición deste Plan, en 2009 levouse a cabo un estudo exhaustivo en todo o territorio galego de todas as infraestruturas de telecomunicación existentes, da situación da cobertura dos servizos de banda larga, así como da demanda non satisfeita dende unha tripla óptica, o sector residencial, os servizos públicos e o sector empresarial.
Agora na recta final do Plan, a Xunta aborda a actualización deste estudo de oferta e demanda de servizos de banda larga, incorporando os resultados acadados nestes catro anos, para realizar unha análise da situación actual conforme aos obxectivos marcados na Axenda Dixital de Europa.
A consulta está dirixida a todos os titulares de infraestruturas para a provisión de servizos de banda larga ultrarrápida con presenza no territorio galego. As respostas a esta consulta poderanse remitir até o 20 de decembro de 2014.

PUBLICIDADE