Unha charla na Coruña achegará aos tipos de personaxes nos videoxogos

mércores, 16 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Co gallo do Día Internacional dos Xogos na túa Biblioteca (International Games Day @Your Library) o vindeiro sábado de 12:20 a 13:30 horas a Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano da Coruña acollerá unha charla titulada Prototipos narrativos de personaxes nos videoxogos, na que explicarán os tipos de personaxes na narración e como funcionan nos videoxogos, acompañando estas explicacións con imaxes e vídeos.
Os encargados de achegar ao asistentes a este aspecto do desenvolvemento de videoxogos serán Diego Corzón Pereira e David González Piñeiro, de Nexo Creativo Trim Tangle, estudio que está a desenvolver actualmente os videoxogos Therefore, e Crisis Crunch, proxectos que aínda se atopan nunha fase temperá que prevén que se consolide en pequenas demostracións para permitir captar a atención nestes desenvolvementos para facilitar a futura captación de financiamento para conseguir convertelos en produtos viables.
A actividade é de acceso libre até completar aforo.

Diego Corzón será o principal relator desta actividade de acceso libre

PUBLICIDADE