Unha actualización do LG Optimus 3D permitirá xogar en 3D a moitos xogos 2D

martes, 19 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Nas últimas semanas está dispoñible en España o móbil LG Optimus 3D, que sorprende por ser o primeiro en chegar ás tendas europeas coa posibilidade de amosar imaxes en 3D sen lentes, e que inclúe algúns contidos preinstalados que aproveitan tal posibilidade, pero agora prometen que van levar esta experiencia máis adiante, e anuncian que en outubro o terminal contará cunha actualización a Android 2.3 que incluirá a posibilidade de que certos xogos 2D poderán verse en 3D (no caso de seren programados utilizando as librarías Open GL).
O novo software do LG Optimus 3D facilitará a visualización en 3D de aplicacións e xogos feitos en 2D (sería posible xogar aos Angry Birds en 3D), para o que tamén poderá facerse un axuste de profundidade moi na liña da barra de 3D da Nintendo 3DS, para adaptar o efecto aos gustos do usuario.
O número de xogos que aproveitan as pantallas 3D en Android de xeito nativo tamén vai en aumento, e Gameloft ten actualmente 7 no seu catálogo (N.O.V.A. 3D, Let’s Golf 2 3D, Asphalt 6 3D, Assassin’s Creed - Altair’s Chronicles 3D, Avatar 3D, Tom Clancy’s Rainbow Six: Shadow Vanguard HD e GT Racing 3D) pretendendo ampliar este número ata 17 nos vindeiros meses (como Ultimate Spider-Man: Total Mayhem, Real Football 2011 e Modern Combat 2: Black Pegasus), o que parece unha intelixente xogada tendo en conta que cada vez hai máis terminais no mercado con pantallas 3D, e que tal característica é un incentivo moi atractivo para a súa adquisición.


Gameleft leva apostando polo LG Optimus 3D dende o seu lanzamento (o terminal inclúe 3 dos seus xogos precargados)

PUBLICIDADE