Un videoxogo español faise co premio ao máis serio de Europa

mércores, 26 de outubro do 2011 Raquel Noya

O vindeiro día 8 de novembro, Bilbao acollerá o festival dos mellores videoxogos europeos do 2011, un evento que, dada a súa proxección internacional, leva por nome, Fun & Serious Game Festival, e no que, ademais de premios e recoñecementos, non faltarán os relatorios e conferencias especializadas na temática.
Tal e como o seu mesmo nome indica (Fun&Serious significa divertido e serio en galego), na gala premiaranse as creacións tanto polo seu grao de diversión como de seriedade, dous factores que manexan maxistralmente os creadores do videoxogo “máis serio” desta edición, o Playmancer, no que se pon a diversión a disposición da seriedade para atallar o tratamento de trastornos impulsivos.
Trátase dun videoxogo creado polas unidades de Trastornos Alimentarios e do Xogo Patolóxico e Adicións Comportamentais do Hospital Universitario de Bellvitge (Barcelona) para tratar doenzas como a ludopatía ou a bulimia nerviosa, entre outros trastornos impulsivos.
Máis polo miúdo, o obxectivo deste videoxogo de orixe catalá é “conseguir cambios de actitude, de conduta e emocionais nos doentes aos que tratamos”, indica para o xornal La Voz de Galicia, a doutora Susana Jiménez-Murcia, coordinadora da unidade xogo patolóxico do centro.
Trátase dun xogo estratéxico de aventuras que se desenvolve nunha illa, e no que hai que ir resolvendo diferentes problemas que se propoñen. Isto permite que, mentres se divirten, os pacientes poidan entender cales son os seus erros na vida real, corrixilos e adaptar as súas condutas á maneira máis apropiada, aplicando o aprendido para tratar o seu caso particular.

PUBLICIDADE