Un videoxogo amosará Compostela e o Camiño no século XII

martes, 28 de xullo do 2009 Redacción

A partir do vindeiro ano poderá haber peregrinos cibernéticos, xa que un videoxogo recreará nun universo virtual o Camiño e a cidade de Santiago de Compostela do século XII. O lanzamento da primeira fase do proxecto, que contará cun orzamento de 3,5 millóns de euros, coincidirá coa celebración do Xacobeo 2010, e estará operativo en xullo do ano que vén.
Un consorcio de empresas formado pola galega Ficción Producciones, Imatia, One Click e Planet Media é o encargado deste proxecto virtual, denominado O Camiño, que contou coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.
Este metauniverso (universo virtual en 3 dimensións) reconstruirá a cidade de Santiago e a Ruta Xacobea no ano 1117, data das revoltas dos composteláns contra o bispo Xelmírez e a raíña Urraca, unha época chave na historia de Galicia.
Segundo anunciaron os representantes do consorcio de empresas, esta iniciativa constituirá o comezo de «un proxecto máis amplo» que consistirá no deseño dunha «plataforma tecnolóxica de desenvolvemento de futuros metauniversos».
A plataforma virtual tamén contou co asesoramento do profesor Miguel Taín, do departamento de Xeografía e Historia da USC, para dotar o proxecto de «rigor cultural e histórico», tal e como manifestaron os seus responsables.
Así mesmo, o asesoramento das universidades tamén se encargou do deseño dos contidos didácticos de O Camiño, como a «reprodución de diálogos, un glosario de termos técnicos ou fichas cos datos máis significativos» dos distintos monumentos presentes na plataforma.
O videoxogo terá un aspecto educativo, xa que, segundo Taín Guzmán, introducirá os mozos «no mundo da Historia de forma amena e actual» coa finalidade de que «coñezan e valoren os momentos históricos narrados en primeira persoa».


Correo TV cubriu a presentación deste novo videoxogo

PUBLICIDADE