Un vídeo amosa como será o xogo Grand Theft Auto V

martes, 9 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O vindeiro 17 de setembro chegará ás tendas un dos xogos máis agardados do ano, Grand Theft Auto V, que supón un importante salto nos xogos de mundo aberto, ao presentar un dos contornos máis ricos que puidemos ver ata o momento e presentando a 3 protagonistas que poderán alternarse durante as distintas misións a superar, enriquecendo tanto a historia como a profundidade do xogo. Pero ata o momento o que puidemos ver deste título non eran máis que vídeos promocionais e imaxes que dificilmente daban unha idea de como será o título definitivo, ata hoxe, cando Rockstar Games publica un vídeo no que podemos ver en acción a que será a versión para PlayStation 3 do GTA V (o xogo tamén terá versión para Xbox 360).
GTA V ofrece unha diversidade incrible, permitindo personalizar a roupa e os vehículos, participar en distintas actividades deportivas (cazar, mergullarse, correr en bicicleta, xogar ao golf...), realizar grandes ousadías (saltar en paracaídas, colarse nun edificio descendendo polo seu exterior cun cabo, conducir vehículos a grande velocidade), organizar atracos (podendo optar polo sixilo ou a violencia), investir os beneficios da actividade criminal... practicamente meterse na vida dos 3 delincuentes que protagonizan esta aventura que incluso vai contar cun modo multi-xogador que amosarán nas vindeiras semanas, e que podería ser un dos pratos fortes do que sería a entrega de GTA na que se despediría da presente xeración de videoconsolas.


Vídeo en español con detalles sobre GTA V

PUBLICIDADE