Un vídeo amosa as melloras gráficas da versión de Tomb Raider para PS4

martes, 14 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Lara Croft presenta un redeseño da súa cara en Tomb Raider: Definitive Edition

O vindeiro día 31 chega ás tendas de videoxogos Tomb Raider: Definitive Edition, unha revisión do xogo que redescubre a figura de Lara Croft, que adáptase ás consolas de nova xeración, o que supón a incorporación de numerosas melloras, como veñen de dar conta dende IGN, onde publicaron un vídeo no que comparan as edicións para PlayStation 3 e PlayStation 4 do xogo.
A principal diferencia entre ambas versións do xogo é claramente a carga poligonal dos seus gráficos, graza á potencia suplementaria da PS4, pero os desenvolvedores das versión de Xbox One e PS4 non quixeron quedar aí, e tamén melloraron as texturas, engadiron unha maior profundidade nos efectos ambientais e incluso chegaron a redeseñar a cara da protagonista para conseguir un maior realismo. De feito, este é o cambio máis notable entre a revisión do xogo e a versión para PC da anterior entrega (que en equipos moi potentes xa podía amosar gráficos de nova xeración).
Estamos ante un excelente exemplo da mellora gráfica que pode supor o cambio de xeración de consolas, aínda que para que o público poida ver mellor esta evolución será preciso agardar á chegada de títulos deseñados exclusivamente para as novas plataformas, que serán os que poderán espremer non só as gráficas máis potentes, senón tamén a maior cantidade de memoria e a potencia do procesador para poder controlar máis elementos á vez, dando lugar a escenarios máis completos e intelixencias artificiais máis potentes.


Vídeo de comparación entre as versións de PS3 e PS4 do último Tomb Raider

PUBLICIDADE