Un recuncho para os videoxogos na Rede

martes, 15 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Ante a emerxencia de Twitch como unha plataforma de vídeo en directo na que destacan os videoxogos, aínda que conta con contidos de moitas outras temáticas, naceu todo un movemento reivindicando un Twtch en galego, dos que un dos seus grandes expoñentes é Recuncho Gamer, un proxecto de Iago Gordillo no que xoga e fala de videoxogos cun ton desenfadado, ratificando que a nosa lingua non é un atranco á hora de comunicar sobre temáticas tecnolóxicas e para un público mozo.

– De onde saíu a idea de crear unha canle de Twitch para falar de videoxogos?
– Neste caso a idea comezou en YouTube, levaba moito tempo consumindo contido divulgativo e de análise de videoxogos en YouTube en inglés e castelán e quería aportar o meu gran de area con algúns xogos dos que vía que non había tanto estudado ao respecto. Mentres lle daba voltas ao proxecto, caín na conta que, quitando contadas excepcións coma a Revista Morcego, a canle Galician Gamer ou a propia Código Cero, apenas había contido en galego sobre este medio. E despois o de Twitch foi case inmediato, unha semana despois de abrir a canle en YouTube, probei a emitir en Twitch e alí quedei tamén.

– O galego é unha barreira moi grande á hora de chegar ao público na Rede?
– Hai barreiras, mais non tanto no público, que recibe o contido en galego moi ben cando chega a el, senón que as propias redes tratan o galego como unha lingua de segunda (ou as veces nin existe). En Twitch non se pode filtrar por idioma galego (cando si en español ou catalán), e en plataformas como YouTube ou iVoox, aínda que podes marcar que o teu contido está en galego, o que fai é invisibilizalo no algoritmo. Fixemos unha proba nos shorts de YouTube cun mesmo vídeo e audio en galego do que sacamos tres versións con diferentes linguas nos textos en pantalla. No caso do inglés e español, o vídeo recibiu un impulso polo algoritmo de 500 visualizacións ás poucas horas, no caso do galego, nada. E tamén, por exemplo, se queremos subtitular un vídeo a máis idiomas no YouTube, non dispoñemos dunha transcrición do noso audio ao galego cando en linguas como o castelán e inglés téñeno e permítenlle crear subtítulos automáticos cun par de clics.

– O movemento de Twitch en galego é simplemente militancia a prol da lingua ou evidencia que existe unha grande comunidade de espectadores demandando contidos na súa lingua nas novas plataformas audiovisuais?
– Haberá de todo, mais a comunidade de espectadores esta aí e está respondendo. Temos datos de días que pasan máis de 50.000 espectadores por canles que emiten en galego, e está claro que a xente busca cousas que seguen sendo próximas e únicas. Dous exemplos que se me ocorren, primeiro, o espectacular que está funcionando a canle de Pablo Rodríguez Vila sendo un contido tan de nicho como pode ser o mundo das oposicións en Galicia (leva unha media por enriba dos 200 espectadores nos últimos 2 meses con picos por enriba dos 800); e segundo, as retransmisións da CRTVG no Twitch relacionadas co paso das Tanxugueiras polo do Benidorm Fest, que neste caso canalizou un interese que xa se manifestaba por redes coma Twitter é que apelaba directamente a quen seguía este certame desde Galicia (e incluso máis alá, con seareiros das Tanxugueiras non galegofalantes no chat).

– Aparte de canle de Twitch tamén tes unha canle de YouTube. Como diferencias o que fas en cada plataforma?
– Pois é a improvisación e interactividade contra o guión e estudo, aínda que as barreiras van esmorecendo. De primeiras o YouTube parte como un produto pechado, cunha idea e unhas conclusións que saco sobre un tema, ben sexa con investigación, entrevistas listaxes… e en Twitch, hai un plan inicial pero non sabes como pode rematar, a interactividade co chat enriquece moito o contido. Por exemplo, cando amoso unha consola das clásicas as preguntas no chat xorden, e é curioso ver tamén o que lle chama a atención destes trebellos ás distintas xeracións.

– Como contido a longo prazo resultou especialmente relevante o teu documental A Coruña Nos Videoxogos. Como naceu ese proxecto?
– Pois neste caso é un de tantos vídeos que tiñamos anotados como temáticas pendentes para levar ao YouTube, xa que nos interesa moito que elementos dos videoxogos poden ter un maior impacto na nosa contorna, como videoxogos de series que apareceron no Xabarín Club, non significa o mesmo un videoxogo de Shin Chan ou Doraemon para un galego que para xente doutros puntos. Pois neste caso xurdiu a posibilidade de poder facer, coa colaboración do Concello da Coruña, un vídeo en formato documental que amosase lugares ou elementos característicos da cidade.

– Que cres que resulta máis rechamante para o público: a recreación da cidade nos videoxogos ou o anecdotario futbolístico?
– Pois a verdade que creo que ambas cousas tiveron a súa boa acollida e público, sobre todo ao despezar logo o documental en fragmentos para TikTok e outras redes. Desde a parte de seareiros do Dépor entregáronse cos fragmentos nos que falamos das primeiras aparicións dos branquiazuis no ano 92 e a súa evolución, mais tamén funcionou especialmente ben o extracto no que comparamos A Coruña representada no Euro Truck Simulator 2 coa de verdade.

– Aparte dos videoxogos clásicos, tamén dedicas bastante tempo ao seu apartado musical. Non é moi complicado abordar todo o que ten que ver coa música na Rede por mor da persecución do copyright?
– É complexo, a nivel persoal case non me afecta, porque de momento nas bandas sonoras de videoxogos aínda non “salta” tanto o algoritmo, e aínda así, en moitos casos o que soe acontecer e que non podes monetizar ese vídeo. Cousa que de momento xa non podo facer en ningún caso. Mais si que que o algoritmo denuncie por defecto os temas que detecta é algo ao que darlle unha volta, porque hai usos permitidos si contemplados como poden ser o da parodia ou cun fin divulgativo.

– E xa que falamos de música, nos últimos días conseguiches crear todo un viral co gallo do Benidorm Fest. Non ves moi inxusto que unha versión de SloMo con letra de Ledicia Costas teña un impacto moito maior que a creación constante de contidos en galego na Rede?
– Entendo o de inxusto, xa que eu mesmo pensei “co que me leva facer un vídeo normal para Recuncho Gamer, e isto en 40 minutos…”; mais non deixa de ser a raíz de todo contido viral, dependente da sorte e de chegar no tempo e lugar xusto. Neste caso xuntouse un tema que tiña ás redes moi mobilizadas cunha resposta conxunta con Ledicia en forma de parodia e que creo que a moita xente lle serviu para canalizar a frustración do resultado das Tanxugueiras mediante o humor.

– Que cres que sería necesario para reverter a situación do galego na Rede, especialmente no que se refire ao audiovisual?
– Pois primeiro, o que xa comentei, que o galego sexa recoñecido e teña as mesmas condicións para “traballar” con el na Rede nas distintas plataformas. E despois, xa que vimos de falar das Tanxugueiras, crer e intentar aplicar o de que “non hai fronteiras”. Vexo aínda a creadores de contido galegos que estaban a tope co das Tanxugueiras mais logo seguen coa teima de que teñen que facer contido en castelán porque así poden dirixirse a máis de 500 millóns de falantes potenciais. A cousa é: cantos destes chegan a mil ou dous mil sequera? Non sería máis rendible e interesante que eses mil ou dous mil fosen xente da túa contorna? Por non falar de que se o contido interesa e destaca, a xente fai o esforzo por interesarse e entender. Son os menos, mais no noso caso tamén temos espectadores non galegofalantes do resto da Península, de Brasil ou de Italia.

A Coruña nos videoxogos, documental de Iago Gordillo

PUBLICIDADE