Un programador faise rico cun videoxogo para o iPhone

luns, 16 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Os videoxogos, ademais de divertirnos, axilizar a nosa mente e incluso (agora coa Wii) facernos mover o esqueleto, poden ser unha fonte de ingresos importante para aqueles que, botando man da súa imaxinación e creatividade (e tamén de gran parte do seu tempo libre), conseguen crear unha aplicación que entreteña ou pique a curiosidade dos usuarios de novas tecnoloxías e Internet de todo o mundo.
Iso é o que lle vén de suceder a un enxeñeiro chamado Ethan Nicholas que deseñou un xogo de tanques e púxoo a disposición de tódolos usuarios do iPhone de Apple (a través da súa tenda), polo módico prezo de 3 dólares.

Ethan Nicholas, creador de iShoot

O xogo, que se deu a coñecer como iShoot, disparou as súas vendas e converteuse na aplicación de pago máis descargada durante tres semanas consecutivas, o que lle permitiu ao empregado de Sun Microsystems, embolsarse a nada desprezable cifra de 600.000 dólares.
Primeiramente, Nicholas puxo unha versión Lite de balde na Rede, que tanto gustou entre os siareiros dos videoxogos que chegou a gañar ata 37.000 dólares nun mesmo día pola venda do xogo completo; unha cifra que, dende logo, anima a calquera a seguir os seus pasos e crear, quen sabe, un xogo de loita de galos en liña?... todo é posible.

PUBLICIDADE