Un libro repasa a historia da prensa de videoxogos en España

mércores, 31 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Hai poucas semanas chegou ás librarías unha obra da colección Dolmen Games que agradecerán moitos seareiros do mundo dos videoxogos que queiran facer un nostálxico repaso da súa traxectoria en España a través das páxinas da prensa especializada que seguro que moitos teñen aínda gravada na súa memoria. Falamos de De Microhobby a YouTube: prensa de videojuegos en España, un libro de David Martínez, redactor xefe de Hobbyconsolas.com que leva a traballar no medio dende 1998 e que tamén foi autor do primeiro libro español sobre a historia dos videoxogos (De Super Mario a Lara Croft).
O novo libro de Martínez conta a historia da prensa española de videoxogos, narrando como se facían fotografías da pantalla do ordenador para a revista Microhobby; o histórico cambio de tamaño da revista Micromanía cun número que tiña en portada o xogo Turbo Girl e que chegou a anunciarse en televisión; o lanzamento da revista Hobby Consolas cunha impresionante promoción a través da que regalaban un milleiro de consolas Game Boy; e incluso unha mirada á evolución das principais páxinas web e programas de radio. Un texto cheo de anécdotas que parece máis unha novela de aventuras que un ensaio que narra o moito que mudou nos últimos anos o xeito de informar sobre a industria dos videoxogos.
O libro de 175 páxinas está xa dispoñible a un prezo de venda oficial de 19,95 euros.

O libro recolle as diferentes revistas do sector dos videoxogos que se editaron en España dende os anos 80.

PUBLICIDADE