Un investigador da UVigo traballa en facer máis rendíbeis as comunicacións satélite-estación

mércores, 19 de xuño do 2013 Redacción

O investigador Antonio J. Váquez está a presentar estes días dende a Universidade de Vigo unha máis que interesante proposta-estudo para minimizar o custo das comunicacións entre os satélites e as estacións de Terra ao tempo que se incrementa o tempo de conexión. A súa tese, dirixida a achegar mellora nas dependencias terrestres en operacións de aparellos de tipo Cubesat, propón un sistema de comunicación alternativo empregando dúas antenas de xeito simultáneo para poder recibir de xeito correcto o sinal de satélites que orbitan a grandes alturas en relación á superficie terrestre. A súa solución, que xa foi probada na estación do aparello galego XaTcobeo, tería aplicabilidade nas estacións GENSO (Global Educational Network for Satellite Operations), que é unha rede internacional de infraestruturas de terra aeroespaciais.
Polo tanto, a idea sería levar o soft-handover á rede de estacións GENSO, o que reduciría “o custe de implementación”. Así nolo explica: “Empregar varias estacións en rede fronte a unha única cun sistema de diversidade reduce en gran medida os custes, xa que o sistema único precisa máis equipos e de maior calidade, así como un maior esforzo de deseño. Coas melloras no software da rede GENSO unicamente será necesaria unha estación sinxela que se complementa mediante diversidade coas estacións máis achegadas. A redución de custes para a misión sería máis da metade do orzamento da estación terrea e incluso sería viable desenvolver unha misión sen estación terrea propia, o que melloraría aínda máis as cifras”, asegura Vázquez.
Segundo engade, o proxecto GENSO emprega na actualidade o resto de estacións como respaldo para recibir máis datos doutros países, pero limita o tempo de comunicación directa co satélite a intervalos de como máximo 20 minutos. Ao introducir o soft-handover dáse unha transferencia suave da conexión co satélite entre distintas estacións, “de forma que non se interrompa a comunicación con Terra ao perder a cobertura e que se conecte de xeito simultáneo a outra terminal”, explica.
Segundo informa a Universidade de Vigo, o investigador estudou a viabilidade da introdución dese concepto na rede GENSO, propuxo os esquemas para a súa integración e o impacto potencial das melloras na misión. Polo tanto, non só se poderían establecer comunicacións de maior calidade e de máis dunha hora sen cortes entre centro de control e satélite, senón que achega unha gran flexibilidade para a planificación da misión e permitiría realizar experimentos que requiran máis datos, como a descarga de imaxes de alta resolución. En palabras do investigador, a súa proposta “triplica o tempo máximo de pase, pasando de 20 minutos a máis dunha hora”. Ademais, engade, “é posible mellorar considerablemente a calidade das comunicacións aínda mantendo os 20 minutos de tempo máximo de pase. Xa que a cobertura temporal da rede de estacións é dun 45% na actualidade fronte ao 3% da misión uni-estación, se os centros de control en Terra comunican co satélite traballando con elevacións altas a conexión mediante soft-handover consegue pases de maior calidade, mellorando en máis de 10 dB a marxe de enlace”.
Antonio J. Vázquez leva os últimos cinco anos traballando nos diferentes proxectos de espazo desenvolvidos pola Universidade de Vigo. Foi responsábel do segmento terreo do XaTcobeo, colaborador na parte de estación terrea dos proxectos HumSAT (Humanitarian Satellite), ESMO (European Student Moon Orbiter) e ESEO (European Student Earth Orbiter) e responsable de Soporte e Operacións de GENSO, no que leva involucrado os últimos catro anos e que o levaron a ser coautor de varios artigos sobre a rede publicados tanto no ESA Bulletin como en congresos internacionais.

PUBLICIDADE